CONSTRUÍMOS UNHA MAQUETA DUN OLLO

31 marzo 2017


En Ciencias Naturais estamos a estudar a función de relación e entre todas as actividades que fixemos e que xa vos amosaremos, construímos unha maqueta dun ollo coas partes que estudamos:




As instruccións e o modelo, atopámolo na páxina de ELLEN MCHENRY. Clicando na imaxe podedes acceder ao recurso:

http://ellenjmchenry.com/cut-and-assemble-paper-model-of-the-human-eye/

EXCURSIÓN Á CASA-MUSEO DE PICASSO

30 marzo 2017


Con dez anos, Pablo Picasso, veu a vivir a Galicia, concretamente á cidade de A Coruña, xa que o seu pai comezou a traballar como mestre na Escola de Belas Artes da idade. Foi precisamente nesta cidade, onde a idade de 13 anos, fixo a súa primeira exposición.

Así que, continuando co noso proxecto sobre Picasso, a primeiros de mes fomos de excursión á Coruña para ver en vivo e en directo o piso onde viviu.

Alí puidemos ver mobiliario da época e debuxos que fixo Picasso (algúns nas páxinas dos seus libros de texto):


E tamén algúns cadros que fixo tanto el como o seu pai:



A continuación subimos coa monitora ao piso de arriba e alí fixemos dous talleres moi divertidos.

No primeiro taller fixemos a TÉCNICA DO CADÁVER EXQUISITO.Trátase dunha técnica de escritura e pintura reinventada polos escritores surrealistas de principios do século XX.

Nós fixemos un DEBUXO ENTRE TRES. A monitora repartiunos un folio dobrado en tres partes a cada un e divideunos en tres grupos: os GUAI, os CHACHI e os PIRULI. Tratábase de debuxar unha cabeza, un corpo ou unhas pernas nunha folla de papel, dobrando para que o seguinte participante non puidera velo ao facer o seu debuxo. Así cada membro do grupo tiña que debuxar as tres partes en tres folios distintos. Mágoa de non ter foto dos debuxos xa coloreados porque quedaron moi divertidos!!!!!!



O segundo taller consistiu en xogar ao AFORCADO pero co título de  tres obras de Picasso:

ILUSTRANDO POESÍAS

28 marzo 2017


Un ano máis, participamos no concurso Poesía e Imaxe convocado polo Concello de Ferrol dende  a área de Normalización Lingüística, que este ano vai xa pola XVII edición.

Este concurso que  "ten por finalidade que os alumnos e as alumnas dos centros de ensino de Ferrol e da comarca coñezan a realidade plurilingüe do mundo da que forman parte con lingua propia" ( Álvaro Montes, concelleiro de Normalización Lingüística), consiste en poñer imaxe a unha poesía elexida de entre 30 de distintos autores e autoras do mundo e en diferentes linguas.

Estas son as que escollimos e ilustramos nós:


O GUERNICA DE PICASSO

18 marzo 2017


Seguindo co noso proxecto de Picasso, en xaneiro, por mor do día da Paz, ademais de debuxar as pombas de Picasso e de montar o Foulard Serigrafiado pola paz, tamén analizamos e estudamos unha das súas obras máis coñecidas: O GUERNICA.

Soubemos que na actualidade está no Museo Reina Sofía en Madrid e ollamos a súa FICHA TÉCNICA coa que descubrimos entre outras cousas que o cadro mide nin máis nin menos que ...  349,3 x 776, 6 cm! Que grandeeeeeeee!


 A continuación puxemos esta presentación coa que seguimos aprendendo e descubrindo cousiñas sobre o cadro. Ao chegar a diapositiva número 7 , fixemos unha pequena paradiña:

Guernica de Giusj Biondi

Alí dicíanos que no cadro aparecían nove símbolos: seis seres humanos e tres animais e decidimos buscalos:


Sabedes que? Atopámolos case todos moi rápido pero a pomba ... foi un pouquiño difícil de atopar, necesitamos a axuda da profe.

Continuamos, vendo este video de como se pintou para facernos unha pequena idea:


E tamén este onde puidemos velo en 3D coa música de Rosa León, Al alba:


Gustounos tanto o cadro, que decidimos recrealo entre todos facéndoo tipo crebacabezas. Fomos ao blog ACTILUDIS e alí descargamos e imprimimos a opción de tamaño 3 x 6:

http://www.actiludis.com/wp-content/uploads/2009/01/guernika3x6.pdf

O cadro en branco e negro, parecianos moi tristeiro, así que decidimos facelo a color. Buscarmos en internet e vimos moitas opcións de como quedaría coloreado. Gustounos moitísimo como o fixeron no blog VALDEPLÁSTICA e decidimos facelo como eles. Como eran máis pezas dos que somos nós, pedímoslle axuda aos nosos compañeiros e compañeiras de terceiro de primaria que ao igual que nós están co proxecto.

Proxectámolo na pizarra e cada un de nós pintamos unha das pezas. Claro que ás veces, tiñamos que acercarnos para ver se o estabamos a facer ben.


Pero todo traballo ten o seu froito. Pouco a pouco fomos montando o noso puzzle:


E por fin podemos amosaros o noso traballo final:


QUE VOS PARECE?

O APARATO EXCRETOR

15 marzo 2017


Cando lle chegou o turno ao APARATO EXCRETOR, primeiro vimos este video de Óscar da Eduteca



Tamén pegamos na libreta, coloreamos e rotulamos,  esta imaxe que atopamos na web del maestro:




E puidemos seguir aprendendo moitas cousas con estes recursos no noso google sites do tema:


E agora, credes que estades preparados para repostar a este pequeno cuestionario que preparei con Google Forms?



Queredes saber cantas acertáchedes? Clicade na imaxe:


10 GRANDES MULLERES GALEGAS

10 marzo 2017

Como xa vos comentamos na entrada anterior, durante esta semana, estivemos a investigar sobre a vida de dez mulleres importantes da historia galega.

Primeiro, cada un de nós fixo un debuxo da protagonista da súa investigación:


A continuación, fixemos unha presentación co Impress (software libre similar ao Power Point) coa información máis relevante da nosa personaxe:


E por último, cos nosos debuxos xeramos uns códigos QR con UNITAG que redireccionamos á nosa diapositiva para poder ler unha pequena biografía:


Para ver se funcionaban, utilizamos o móbil da profe e "limos" os códigos coa aplicación gratuita I-nigma que é o lector de códigos QR que ten a profe pero hai moitos máis como Beetag , Up-Code, QuickMark, ...










Por se alguén non quere descargar ningún lector de códigos QR no seu teléfono móbil, deixámosvos a presentación para que poidades saber quen é cada unha e por que nos parecen mulleres  dignas de pertencer á historia galega:


8 de Marzo

08 marzo 2017


Co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora, esta semana estamos  investigando a vida de dez mulleres importantes na historia de Galicia, para reivindicar unha vez máis a igualdade de xénero que é algo que xa traballamos ao longo de todo o ano.

A finais de semana, amosarémosvos o noso traballo que inclúe unha presentación colectiva feita co OpenOffice Impress ( o libre software equivalente a Power Point) e tamén RA (Realidade Aumentada) en forma de códigos QR.

Para ir abrindo boca, deixámosvos a portada da nosa presentación cos debuxos das dez protagonistas da mesma. Seredes quen de descubrir a identidade algunha? Se non é así, non vos preocupedes, o vindeiro venres ...  descubrirédelo.

O APARATO CIRCULATORIO

06 marzo 2017


Despois do aparato dixestivo e do aparato respiratorio, tocoulle o turno ao aparato circulatorio.
Comezamos vendo este video de Óscar Alonso do blog a Eduteca:


Con el, aprendimos cales son as súas partes, de que se encarga e como traballa. A continuación completamos na libreta esta ficha para non olvidarnos:


Tamén aprendimos que o corazón é un órgano oco con catro cavidades que impulsa o sangue polos vasos sanguíneos e coloreamos este que fixemos a partir dunha ficha que atopamos en inglés:



Para que nos quedase moi clariño como funciona o aparato circulatorio e que substancias transporta, xogamos ao XOGO DO APARATO CIRCULATORIO de Ellen MacHenry´s que podedes descargar clicando na imaxe:



E tamén falamos do SANGUE. Soubemos que ademais dos glóbulos vermellos que transportan os nutrientes e o osíxenos, tamén ten glóbulos brancos que se encargan de defendernos das infeccións e plaquetas que nos axudan a taponar as feridas. E que todos eles flotan nun líquido chamado plasma.

Unha vez sabido isto, coloreamos esta gota de sangue de Lindsey Viducich que pasamos ao galego:


E como queriamos saber como era o sangue en realidade, a profe pinchouse nun dedo, collimos un microscopio e ...


Algúns recursos sobre o Aparato Circulatorio: